CRTVG

Buscar

Os detidos por contrabando de tabaco traballaban con sixilo no seu laboratorio ilegal de Coles

Publicado o 21/08/2020 14:43

As forzas de seguridade seguen a investigar a organización que se dedicaba ao contrabando de tabaco dende o concello ourensán de Coles.

Onte foron detidas 25 persoas, de distintas nacionalidades: romaneses, moldavos, ucraínos e portugueses. Case todos vivían nesta nave industrial de Cambeo, onde traballaban nun laboratorio ilegal, do que saía o tabaco listo para distribuír no mercado negro.

Un amplo dispositivo da Garda Civil, a Policía Nacional e a Axencia Tributaria irrompía onte no inmoble para sorpresa dos veciños.

Os detidos están acusados ademais de pertencer a unha organización criminal.

Os investigadores coidan que traían a picadura de tabaco por estrada dende outros países e que aquí era onde o preparaban para a súa venda. As forzas de seguridade incautáronse de máis de 300 toneladas de tabaco ilegal.

Os traballadores nunca saían ao exterior da nave, ninguén se decatara na zona de que puidera haber alguén no seu interior.

As forzas de seguridade apuntan que a operación segue aberta e que está decretado o segredo das actuacións.

Noticias web

21/08/2020