CRTVG

Buscar

Os detidos dos CDR tiñan un plan avanzado para atentar en Cataluña, segundo a Fiscalía

Publicado o 24/09/2019 08:15

• Concentracións en varias cidades catalás a favor dos arrestados

• Marlaska: "Isto non é unha operación contra o independentismo"

Sete dos membros dos CDR detidos onte por delitos de terrorismo, rebelión e tenza de explosivos xa foron trasladados a Madrid para prestar declaración mañá ou pasado diante do xuíz Manuel García Castellón, da Audiencia Nacional. Os outros dous quedaron en liberdade despois de declarar ante a Garda Civil. A operación segue aberta e baixo segredo de sumario. 

Os detidos almacenaban, segundo a Fiscalía, ácido sulfúrico, parafina, aliminio en po, decapante industrial, gasolina e termita, unha composición pirotécnica. Material susceptible de ser usado para a fabricación de explosivos que, supostamente, chegaron a probar nunha canteira abandonada.

Os sete arrestados que declararán o mércores ou o xoves diante da Audiencia Nacional, están acusados de preparar unha resposta violenta para o segundo aniversario do referendo ilegal do 1 de outubro, nas proximidades da data da sentenza do procés que se coñecerá na primeira quincena do mes que vén.

Nos rexistros fóronlles incautados planos de edificios públicos, un deles correpondente ao cuartel da Garda Civil de Canovelles, e anotacións sobre os compoñentes da goma 2.

As detención tiveron contestación na rúa e foron criticadas por responsables de JxCat, Esquerra e a CUP, que os cualificaron como un intento de criminalizar o independentismo e preparar o terreo para a setenza.

Laura Borrás, JxCat, demandou explicacións "para saber que está pasando, por que está pasando e, sobre todo, con que fundamento están intentado criminalizar o independentismo con operacións coma as de hoxe".

Houbo dúas concentracións en Barcelona, e outras en Lleida, Xirona, Vic e Sabadell, onde se berraron consignas contra as forzas de seguridade, se viron pancartas pedindo a liberdade dos independentistas en prisión e se pediu a demisión do Conseller de Interior, Miquel Buch.

A xefa da oposición en Cataluña lamentou a posición do president Quin Torra, que publicou un chío acusando de represión o Estado Español: "Quero recordar as palabras do presidente da Gerenalitat, dirixíndose a estes comandos radicais separatistas e dicíndolles "Apertade!". Agora xa sabemos a que se refería o señor Torra con iso de "apertade". Que era? Apertade o detonador?", dixo Laura Roldán, voceira de Ciudadanos no Parlamento catalán.

A operación, que despregou máis de 500 axentes, segue aberta e baixo segredo de sumario.

Noticias web

24/09/2019