CRTVG

Buscar

Desde esta noite pasada aplícanse os descontos na autoestrada AP-9

Publicado o 29/07/2021 08:34

O Boletín Oficial do Estado publicou este mércores o decreto que regula as bonificacións na autoestrada do Atlántico, a AP-9, que entraron en vigor ás doce da noite

O principal desconto é o que se refire á gratuidade da viaxe de volta, sempre e cando se realice nas 24 horas posteriores á de ida.

Adicionalmente vaise bonificar o 50 % do importe da viaxe de ida para aqueles usuarios que nun prazo de 24 horas realicen dous percorridos iguais no treito Vigo-Tui.

Será gratis o acceso desde Redondela a Vigo, coa condición de que se realicen viaxes de ida e volta nun prazo de 24 horas entre eles.

Ademais, os vehículos que fagan máis de 20 viaxes ao mes terán un desconto extra do 20 %. Para efectos de contabilidade, considérase como unha viaxe única o conxunto dos percorridos realizados nun mesmo día e nun único sentido da circulación. 

Os usuarios deben ter o dispositivo de telepeaxe para beneficiarse dos descontos.

Os transportistas terán un desconto adicional do 20 % do importe da peaxe en todos os percorridos. Neste caso será aplicable calquera día da semana e independentemente do sistema de pagamento que empreguen.

A empresa concesionaria da autoestrada, Audasa, recibirá unha compensación, que se calculará en función da perda de ingresos polo importe desas peaxes bonificadas, ao que se lle restarán os ingresos motivados polo incremento da circulación causada polos descontos e se lle sumarán os custos adicionais de conservación e explotación causados por ese incremento do tráfico.

O cálculo estimado desa compensación para o ano 2021 é de 41.803.856 euros, que serán rateados en función do período que resta para finalizar o ano. Esa cantidade actualizarase anualmente coas tarifas aprobadas e o incremento da circulación.

A duración das bonificacións manterase ata o vencemento da concesión de Audasa, o 18 de agosto de 2048.