Máscaras, ringleiras con distancia de seguridade e vixilancia extrema nunhas eleccións con alta participación
• A participación en Galicia crece ao mediodía en 4 puntos respecto a 2016
Dos datos recollidos nas mesas dos colexios electorais abertos en Galicia tírase que a participación de votantes é dun 19,32 por cento ao mediodía, o que supón 4,3 puntos máis que na convocatoria anterior de comicios autonómicos en 2016.
Daquela o dato fora do 15.01 por cento. A xornada, calorosa por certo, estase a desenvolver con normalidade nos colexios galegos, onde se nota nas primeiras horas a afluencia de votantes.
Por provincias, Ourense vai por diante en participación, cun 21,49 por cento, 3,2 puntos máis que en 2016. Segue Pontevedra cun 19,8, con 5,6 puntos máis que na convocatoria de 2016. A Coruña cun 18,71 por cento ten un incremento de 4 puntos e Lugo cun 18,14 aumenta a participación en 2,9 puntos máis.
A comarca da Mariña, afectada por un brote de coronavirus, presenta unha participación superior ao 16 por cento, e nalgunhas zonas próxima ao 20 por cento. En Burela, o concello máis afectado pola covid-19, a participación é do 15,75, con 2,6 puntos máis que á mesma hora en 2016.