Os cruceiristas que visitan A Coruña, pendentes do rescate en Noruega
Un sol xeneroso e un mar en calma recibiron os dous transatlánticos que aportaron hoxe na Coruña. A bordo do máis grande, o Oriana, viaxan preto de dousmil turistas, a maioría ingleses, que están seguindo a través dos medios de comunicación o complicado rescate da pasaxe do cruceiro noruegués.
"É un incidente moi desafortunado. Sentímolo por eles. Esperamos que todo remate ben. Nós sabemos o que é navegar con esas condicións meteorolóxicas. Pero estou seguro de que todo o persoal do barco está traballando duro para solucionar o problema", comenta un pasaxeiro.
O Oriana partiu do porto de Southampton o venres pasado. A travesía ata A Coruña completouse sen incidencias, baixo unhas condicións meteorolóxicas inmellorables. Os pasaxeiros séntense seguros a bordo do cruceiro, aínda que a evacuación do Viking Sky lles causa certo desasosego.
Unha cruceirista explica que: "Sentín un pouco de ansiedade, pero sabendo como está traballando o persoal somos bastante optimistas. Co barco nesa situación estamos seguros de que están facendo todo o posible para poñer a salvo a todo o mundo".
A seguinte escala do Oriana será en Madeira. A pasaxe continuarán a viaxe pendente das novas que chegan desde Noruega.