CRTVG

Buscar

Os críticos con Villares aproban a elección de Sande como senador e agravan a crise de En Marea

Publicado o 18/06/2019 14:54

Esta mesma mañá, o sector crítico formalizou a proposta de Xosé Manuel Sande para senador. Fíxoo tras unha reunión en que non estiveron presentes Villares nin os seus afíns, que apoian a candidatura de Mariló Candedo.

Esta xuntanza tivo lugar pouco antes dunha xunta de voceiros onde se acordou incluír no pleno da vindeira semana a elección dos senadores por designación autonómica. O prazo para que o PPdeG e En Marea rexistren as súas propostas remata o venres ás 13.30.

O sector crítico con Villares, maioría dentro do grupo, busca a maneira de sortear o seu voceiro. Esta mañá volveron votar e aprobar a candidatura de José Manuel Sande para ser nomeado senador por designación autonómica. Fano en contra do criterio do líder de En Marea, que propón outro nome.

A nivel político, este movemento sitúa o grupo de En Marea ao bordo da escisión e abre a posibilidade de que algún dos dous sectores acabe no grupo mixto.

Tras o paso dado esta mañá polos díscolos, os de Villares preparan a resposta. Xa convocaron os medios para unha conferencia de prensa esta tarde. Onte á noite si emitiron un comunicado, reclamándolles aos deputados críticos que acatasen as decisións do partido e acusándoos de transfuguismo por defender os intereses de Podemos.

A posibilidade de ruptura do grupo En Marea estivo moi presente na conferencia de prensa posterior á Xunta de Voceiros. Dende o PSdeG no queren entrar en polémicas e din que o regulamento establece que as designacións corespóndenlle a PPdeG e En Marea.

O PPdeG pídelles aos socialistas que non se aproveiten da situación e fan un chamamento á responsabilidade de En Marea, xa que, segundo din, as diferenzas poderían desembocar en que o venres se rexistren dúas propostas, o dos críticos e o da dirección, algo que poría a Mesa nunha situación moi incómoda. 

Noticias web

18/06/2019