CRTVG

Buscar

Pontecesures espera a María e Alberto para velalos e soterralos xuntos

Publicado o 26/04/2019 14:23

Os corpos de María e Alberto, a parella morta nos atentados de Sri Lanka o domingo, xa están en España. Chegaron ao aeroporto de Madrid esta mañá. Trasládanos arestora por estrada e está previsto que a media tarde cheguen ao tanatorio de Padrón, onde serán velados xuntos por desexo das familias. O funeral e enterro, tamén conxunto, celebraranse mañá ás 6 e media da tarde na igrexa de San Xulián en Pontecesures. O arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, oficiará o sepelio.
A localidade céntrase estes días coas familias das vítimas ás que acompañarán tamén nesta dura despedida.

No tanatorio Iria Flavia de Padrón agardan a chegada do cortexo fúnebre que traslada por estrada os cadaleitos de María e Alberto desde o aeroporto de Madrid, onde aterrou ás 8 da mañá o avión que os trouxo de Sri Lanka, onde a morte, en forma de atentado terrorista, os sorprendeu o domingo. Prevese que cheguen a Padrón ao redor das 5 da tarde. Por desexo das familias velaranos e despediranos aos 2 xuntos. O enterro será mañá no cemiterio de Pontecesures despois do funeral que se oficiará ás 6 e media da tarde na igrexa de San Xulián.

Arturo Lores, párroco de San Xulián: "Invitamos ao señor arcebispo que tivese a ben compartir este momento con nós. Ás 6 sairiamos do tanatorio e a continuación teriamos aquí o funeral polo eterno descanso destes dous compañeiros".

Como se prevé que sexa un funeral miltitudinario, o Concello de Pontecesures xa comezou os preparativos do dispositivo especial para regular o tráfico e o aparcamento e evitar problemas de circulación na contorna da igrexa de San Xulián. E é que a traxedia ten conmocionados os veciños de Rianxo e Pontecesures e son moitos os que queren acompañar e darlle o seu apoio ás familias neste duro momento.

Os veciños din :"Pois si, isto temos pensado. Hai que acompañalos un pouquiño porque isto que pasou foi....ti pensas que é fóra de aquí, pero ao final telo aquí"
"Vamos a ir si, que chega hoxe me parece ás 5. É unha pena moi grande. Son casi veciños, disque era boa rapaza, pobriña, él foi ganar algo e mira que encontraron".
"Si que vamos estar acompañando á familia porque isto sabes que é unha tristeza".
"Si, claro, estaremos todos"
"Home, somos alí de lado, non vamos a vir".

Na empresa familiar de Padrón onde traballaba María apenas hai actividade porque seus tíos din non ter forzas. O resto da familia agarda, desolada e recluída no seu domicilio de Pontecesures, estas duras horas de espera para darlle o último adeus á parella.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí