Os contaxios globais soben a 61 millóns e Alemaña acada o millón de casos

A OMS notificou hoxe medio millón de contaxios nun día. Tras sumar estes datos, a cifra total, a nivel global, chega aos 61 millóns. Por outra banda, Alemaña supera xa a barreira do millón de casos.
No tocante ás mortes, notificáronse 9.300 en todo o mundo e o total desde o inicio da pandemia mantense en 1,4 millóns. Mentres a curva de casos diarios se consolida en fase descendente desde hai dúas semanas, a de falecidos, con cifras superiores ás de marzo e abril, tamén parece finalmente tender á baixa, aínda que haberá que ver se esa tendencia se confirma nos vindeiros días.
América está preto dos 26 millóns de casos, con 717.000 mortes, e hoxe deu unha cifra récord de máis de 400.000 casos novos nunha xornada, isto débese, en principio, a que os Estados Unidos rexistraron hoxe moitos positivos que non notificaran o día anterior.
Europa suma 18 millóns de positivos, tras superar hoxe as 400.000 mortes. Despois dos Estados Unidos, con 12,7 millóns de casos, sitúanse A India (9,3 millóns), o Brasil (6,2 millóns), Rusia (2,2 millóns) e Francia (2,1 millóns).
Séguenlles, con entre un e dous millóns de casos, España, o Reino Unido, Italia, A Arxentina, Colombia, México e Alemaña. Con todo, dende o inicio da pandemia recuperáronse preto de 43 millóns de persoas no mundo.