CRTVG

Buscar

Os contaxios diarios en Galicia mantéñense por enriba dos 1.400

Publicado o 24/07/2021 13:54

O número de pacientes con infección activa segue subindo en Galicia, con 1.412 contaxios novos. Aínda que a cifra é inferior á da xornada anterior, os datos continúan sendo preocupantes. A área da Coruña encabeza o número de casos novos, cunha cifra moi similar á do xoves, con 283 positivos nas últimas horas. Vigo descende, despois dunha xornada na que se superaran os 450 casos. Este venres detectáronse 268.
En Pontevedra volven subir ata os 250 positivos. Santiago rexistra 188 e Lugo 172. En Ourense os contaxios, igual que os casos activos continúan baixando ata os 138 este venres e Ferrol superou onte os 100, unha cifra á que non se chegaba desde febreiro. Nos últimos días están multiplicándose os casos tamén nesta área.

Con esta situación epidemiolóxica, os hospitais manteñen a cifra de pacientes ingresados pola covid por enriba dos 200, cifra que se superou onte. Hai nestes momentos 206 hospitalizados. Triplícanse así os datos de hai quince días. Desde o xoves hai 6 pacientes menos en planta pero mantense o número de hospitalizados nas unidades de coidados intensivos. Unha vez máis a área da Coruña, con 9 pacientes críticos, é a que presenta a peor situación.

Outro dato negativo é o aumento de falecidos nas últimas horas. Onte notificáronse tres novas vítimas mortais, o que eleva a cifra desta semana a 5. En total, desde o inicio da pandemia faleceron 2.447 persoas en Galicia.

Noticias web

24/07/2021