CRTVG

Buscar

Os contaxios baten marcas en Europa, con toques de queda e outras restricións

Publicado o 18/10/2020 20:52

Segunda noite con toque de queda en París e noutras oito cidades franceses. Na primeira, a maioría dos cidadáns cumpriron e recolléronse na casa desde as nove ás seis da mañá.

A medida, imposta por un mes, pretende deter a segunda vaga do coronavirus, que onte sumou máis de 32.000 contaxios novos no país. Aínda que non todos confían na súa eficacia.

Este mozo, por exemplo, di que seguirá habendo encontros cos amigos aínda que sexa de día e que o toque de queda son vén limitar a liberdade.

Bélxica tamén impón un toque de queda a partir desta medianoite e igualmente por un mes, se ben aquí é de doce a cinco da mañá. Xa se estaba aplicando en varias provincias do sur pero agora esténdese a todo o territorio, xunto coa orde de pechar bares e restaurantes. É o segundo país con máis incidencia da covid-19 da Unión Europea.

Á cabeza en contaxios está a República Checa, que pasou de ser dos menos afectados na primeira vaga a acumular 701 casos por cada 100.000 habitantes.

Tamén están rexistrando marcas diarias de contaxios Hungría, Austria ou Bulgaria, entre outros países. Italia rexistrou case 12.000 contaxios en 24 horas e prevense novas restricións.

En Alemaña, Angela Merkel pediulles aos cidadáns que estean na casa o máis posible. O país contabilizou preto de 8.000 contaxios nun día, o seu terceiro máximo consecutivo.

En Inglaterra, as limitacións afectan a máis da metade da poboación. En Londres están vetados os encontros sociais baixo teito e clausuráronse bares e pubs en Lancashire e Liverpool. Boris Johnson desestima polo momento un confinamento estrito, pero non o descarta.
As que vemos son imaxes dunha protesta contra as restricións.

Noticias web

18/10/2020