Núñez Feijóo di que foi o propio Almuíña o que lle propuxo a súa remuda
• Vencella a marcha de Pomar con non aumentar consellerías
• Toma de posesión ao aire libre coa covid-19 como protagonista
• BNG e PSdeG ven "cosméticos" os cambios en Sanidade e Educación
Os conselleiros prometeron o seu cargo no acto de toma de posesión como membros do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo para a XI Lexislatura, que prevé, por primeira vez desde 2005, dúas vicepresidencias.
O acto institucional, que adoita transcorrer nas dependencias do Pazo de Raxoi, sede do Parlamento autonómico, trasladouse nesta ocasión aos exteriores do edificio da sede administrativa da Xunta, en San Caetano, para poder cumprir as restricións de distancia física fronte á pandemia derivada do coronavirus.
Un a un, os membros do executivo de Feijóo, que xunto a el se reúnen no primeiro Consello da Xunta, tamén na mañá deste luns, prestaron o seu compromiso de acatar e facer preservar o Estatuto de autonomía e a Constitución española.
O exconselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recibiu o apoio do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que salientou o seu labor á fronte do Servizo Galego de Saúde. Feijóo dixo que foi o propio Almuíña quen despois das eleccións do 12X lle trasladou o seu desexo de abandonar as responsabilidades no Executivo ao cabo de cinco anos intensos.
"Tras as eleccións pediume un despacho e díxome que el entendía que procedía un cambio na Consellería", indicou Feijó, que considera que cinco anos son moitos dirixindo unha carteira tan complexa que supón"extraordinaria dificultade e esforzo persoal".
"Non teño dúbida de que se con Jesús Vázquez Almuiña acertamos, con Julio García Comesaña tamén o faremos", afirmou o presidente da Xunta. Pola súa parte, Almuíña agradeceu "a oportunidade tan importante" que lle deu Feijóo ao confiar nel para xestionar un departamento tan relevante como o de Sanidade. Dedicou palabras de agarimo ao seu equipo e estendeu o agradecemento ao Comité Clínico que guiou as decisións da Xunta durante a pandemia coa súa "sabedoría e experiencia". Tamén tivo palabras para o resto de membros do Goberno a quen lle lembra que tampouco se despide deles porque seguirá dispoñible para todo o que poida "achegar" desde fóra do equipo de Goberno.
O acto tamén serviu para a despedida formal de Carmen Pomar, ata agora responsable de Educación. Feijóo vencellou a saída de Pomar coa necesidade de crear una Consellería de Emprego sen aumentar o número de departamentos autonómicos, que se manteñen en 11, ao reagrupar de novo Educación e Cultura baixo o mando de Román Rodríguez.
Na súa intervención, Pomar lembrou a súa chegada "con moita ilusión, moitos nervios e moitas ganas". "Hoxe despídome coa satisfacción de ter experiencias, todas elas inesquecibles, dende as máis cotiás ata as máis solemnes", dixo Pomar. Do memo xeito ca Almuíña, expresou o seu agradecemento aos seus compañeiros de Goberno e ao seu equipo. A agora exconselleira de Educación tamén se referiu á perda do seu pai. "Quero rematar esta intervención lembrando todo o que grazas a el cheguei a saber, pero por riba de todo, o que grazas a el cheguei a ser, grazas".
Tras a toma de posesión celebrouse un Consello da Xunta extraordinario para comezar a traballar nos deberes que xa lles marcou Feijóo aos conselleiros.