CRTVG

Buscar

Os concellos do rural reclaman que non os exclúan dos fondos "Next Generation" para mobilidade e transporte sostibles

Publicado o 31/07/2021 14:40

Galicia conta coa metade dos núcleos de poboación de todo o Estado e a chave da conexión entre todos eles é o transporte público. Nese sentido, as necesidades da nosa terra son distintas ás doutras comunidades e esta mañá máis de sesenta concellos presentaron un manifesto no que reclaman un cambio nos criterios do reparto dos fondos para mobilidade e transporte sostibles.

"O criterio que se estableceu polo Goberno de España, que impide os investimentos en actuacións de mobilidade en concellos de menos de 50.000 habitantes, condena sen dubida ningunha a Galicia a quedar fóra desta oportunidade extraordinaria de reconstrución", sinalou o alcalde de Cervo, Alfonso Villares

Desde a Xunta expresaron diferenzas cos criterios de reparto do ministerio de Transporte tanto no referido a poboación como económicos. Reclaman máis capacidade de decisión sobre os fondos Next Generation.. "Pedimos máis. A decisión do Goberno de España de reservarse o 78% dos fondos de reconstrución para mobilidade e conectividade dos recursos europeos deixa soamente un 9% para todas as comunidades autónomas de España e un 13% para todos os municipios de España. Polo tanto, está moi lonxe de que esteamos satisfeitos", dixo Ethel Vázquez,  conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Houbo coincidencia en que a Galicia rural non pode quedar á marxe dos investimentos en mobilidade verde e sostible, e en reivinicar un reparto de fondos máis equilibrado.

Noticias web

31/07/2021