CRTVG

Buscar

Os concellos con menos contaxios saltan do nivel básico ao medio-alto

Publicado o 13/01/2021 15:07

Pequenos concellos coma este das Nogais, na comarca dos Ancares, ascenden de súpeto ata o nivel medio-alto. Nunca en tal se viran, pero sinalan que as restricións pouco cambiarán o seu día a día. "Aquí non creo que faga moito cambio". "Igual, sen problema ningún".

Agora, no que terán que botar máis contas é en limitar o número das xuntanzas. "Aquí non temos problema, que poucos máis somos". "A xente di a ver que facemos mañá pola tarde, que sempre tomabamos un café".

O concello queda aberto e sácanlle partido ao peche das grandes cidades. "Ao non poder ir a Lugo tes que vir aquí e quedar na vila. Ao final todos temos que facer un pouco polos negocios da vila".

Os que máis o van notar son os hostaleiros. En concellos coma este de Dodro ou estoutro de Padrón o cambio de nivel obrígaos a reducir a ocupación e a pechar ás seis da tarde.

"Repercute negativamente porque imos a ter a metade de tempo de facturación e os mesmos gastos". "Están terminando co traballo noso, co dos empregados e co de toda a xente vinculada a hostalería". Din que a hostalería volve a ser a gran prexudicada.

"Hai outros sectores que non miran tanto, que teñen aglomeracións e non se ceban neles como fan con nós".

Malia todo, prefiren estar abertos e agardan que o sacrificio achegue bos resultados no número de contaxios.

Noticias web

13/01/2021