Os comuneiros do monte Xalo denuncian estragos causados por roteiros de todo terreos
Uns 50 vehículos todo terreo participaron este sábado nun roteiro de 25 quilómetros entre O Mesón do Vento e o monte Xalo, en Culleredo.
"A nosa actividade é de ocio. Buscamos camiños intransitables porque non están arranxados. Nós o único que facemos é transitar por eles", di Eduardo Méndez.
Gravan o estado do monte antes do roteiro. Pero os comuneiros de Xalo din que eses camiños son da súa propiedade e que ninguén lles pediu permiso. Os danos son evidentes.
"Isto non é ningún camiño público. Son camiños de servidume para poder acceder a zonas en que se corta madeira, se accede a mananciais... Son pistas forestais e a Lei de montes di que non pode haber tránsito dese tipo de coches por aquí", asegura Xosé Antonio Barbeito, presidente da Comunidade de Montes de Xalo-Celas.
"Nós antes de facer o roteiro pedimos permiso á Xunta, aos técnicos de Medio Ambiente. Mandamos os mapas coa localización do roteiro. Dixeron que non había ningún impacto ambiental porque é unha zona de plantación de eucalipto", di Eduardo.
Os comuneiros afirman que están repoboando con especies autóctonas e que apostan por un modelo sustentable. Din que están indignados e indefensos porque a Garda Civil non impediu a actividade. O Xalo é reserva da biosfera e aquí cáptase a auga para o 30% da poboación de Culleredo.
"É unha zona que estamos coidando e que é Reserva da Biosfera. Non entendemos como se dan permisos para facer este tipo de probas que desfán camiños e rompen mananciais", afirman os comuneiros, que xa denunciaron os estragos e agora será o xulgado o que aclare as cousas.