O persoal de Ence anuncia mobilizacións a prol da continuidade en Pontevedra
Os traballadores de Ence agradecen os apoios que recibiron os últimos días nas mobilizacións a favor de que a empresa continúe en Pontevedra. E avisan de que van continuar loitando para que non se anule a concesión. De feito, xa anunciaron o calendario de protestas para os próximos días.
Ana Cedeira, presidenta do comité de empresa de oficinas centrais de Ence: "Acudiremos ao mitin de Pedro Sánchez en Vigo, o día 24 concentrarémonos na sede do PSOE, en Ferraz, con todos os traballadores de todo o grupo e o día 26 faremos a gran manifestación en Pontevedra".
Os comités acusan o PSOE de manter posicións diferentes para as fábricas de ENCE na localidade asturiana de Navia e na de Pontevedra.
Ignacio Acuña, presidente do comité de empresa da fábrica de Pontevedra: "O posicionamento do candidato do PSOE á presidencia do Principado de Asturias resaltando a importancia da fábrica de Navia no proceso produtivo da súa comunidade demostra, ao noso xuízo, que a decisión adoptada polo PSOE respecto de Ence en Pontevedra é un desvarío político promovido polo PSOE local e aceptado polo presidente do Goberno".
Os traballadores valoran que a Audiencia Nacional acepte que se presenten en dúas das tres causas abertas, a de Greenpeace e a do Concello Pontevedra.