CRTVG

Buscar

Os comités de empresa de Alcoa non validan a venda das plantas á espera da reunión da mesa estatal

Publicado o 20/06/2019 14:54

Esta tarde darán unha resposta na mesa estatal, que só será positiva co aval das institucións. Os traballadores de Avilés piden que se estude a oferta de Quantum, pero desde A Coruña din que non a coñecen

Os comités de empresa de Alcoa non validaron onte a venda das plantas da Coruña e Avilés ao fondo suízo Parter durante a reunión da mesa negociadora. Esta tarde, os representantes sindicais darán unha resposta na mesa estatal, que será positiva se as institucións avalan a operación e ofrecen garantías laborais.

Na reunión de onte á tarde da mesa negociadora do ERE, Alcoa pretendía que os comités de empresa desen a súa conformidade ao preacordo con Parter Capital, pero os representantes sindicais reiteraron a súa negativa, polo menos ata acudir esta tarde á mesa industrial estatal na que estarán os gobernos de España, Galicia e Asturias.

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Aínda faltan preguntas sen responder por parte da empresa, por parte do investidor e que se confirme na mesa estatal que isto cumpre os criterios que tiñamos enriba da mesa. E a partir de aí, enviarase un informe. Indubidablemente, se fai falta ese informe, vaise enviar".

Os da Coruña din que a única oferta integral que está enriba da mesa é a de Parter, que garante a produción de aluminio primario. Pero os do comité de empresa de Avilés queren que se estude a nova oferta do fondo alemán Quantum, que melloraba nas últimas horas e incluía a planta da Coruña.

José Manuel Gómez de la Uz, presidente do comité de empresa de Alcoa Avilés: "Todas as ofertas hai que estudalas e que haxa un proxecto serio non só para dous anos, que é o que paga Alcoa, senón para que as fábricas sigan aquí moitos anos. Ata agora o ministerio está en colaboración con Alcoa, non entendemos que está facendo, todo parece moi escuro e imos pedirlle responsabilidades ao ministerio sobre o que está pasando. E que teñan moi claro que os traballadores non imos decidir nin ratificar nada".

Alcoa insiste. Cando faltan dez días para que remate o prazo, só hai dúas alternativas: ou a venda das plantas ao fondo suízo Parter ou o ERE.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019