CRTVG

Buscar

Os comerciantes do centro de Vilalba piden que a rúa principal siga sendo bidireccional

Publicado o 23/06/2021 14:08

A rúa da Pravia, no centro de Vilalba, está cortada debido ás obras de renovación da traída da auga, e unha vez se abra ao tráfico pasará a ser de sentido único de forma provisional. Ante o temor de que se manteña unidireccional cando rematen os traballos, os veciños da zona piden que siga sendo de dobre sentido. En particular os comerciantes, que se queixan de que están a facer menos caixa ante a caída da afluencia de clientes.

"Eu véndolle moito á xente que pasa, e non pasa ninguén. Se non pasas, non compras. É así". "Noto que hai menos xente e notamos que vendemos menos. Preferimos como estaba antes, con dobre carril. É o que nos parece a min e mais ao compañeiro e á maioría da xente, nos comercios, nos bares, nos bancos e en todo". "Levamos aproximadamente tres semanas cunha disminución de máis do 80 por cento no tránsito habitual que vén tendo toda a rúa. Non hai circulación en ningún sentido", sinalan os comerciantes da rúa.

Os afectados tamén demandan que se solucionen os problemas para estacionar no centro da vila. Piden que se habiliten nos arredores máis aparcadoiros públicos.

"O que queremos é que despois de que se acabe a obra nola volvan poñer como a tiñamos, con dobre dirección, e tamén queremos aparcadoiros". "Nunha vila coma esta tamén é moi importante o fluxo das parroquias. Hai que ter aparcadoiros, pero xa pensados de antes. Non se pode facer isto sen antes planificar os aparcadoiros precisos ao retirar de aquí a circulación", subliñan.

Pola súa parte, dende o Concello de Vilalba sinalan que a rúa da Pravia se abrirá ao tráfico en breve e que aínda non está decidido se vai ser de sentido único de forma definitiva.

Noticias web

23/06/2021