CRTVG

Buscar

Os colexios galegos suman 1.062 casos positivos

Publicado o 28/11/2020 15:54

Os centros educativos de Galicia suman 1.062 contaxios. Son 44 positivos menos que na xornada anterior. Con todo, hai 52 aulas pechadas en todo o país. Máis da metade na provincia da Coruña.
Dende a Consellería de Educación evidencian unha tendencia á baixa nos casos.
"Nas dúas últimas semanas afortunadamente vemos como están decrecendo os casos nos centros educativos, tanto entre o profesorado, como o alumnado como o persoal de servizos. Estamos nas últimas dúas semanas nos mil cen casos e baixando continuamente". " É dicir, os colexios están funcionando como espazos seguros, nos cales non hai transmisión e en certa medida funcionan como cortalumes para a expansión do virus", di o conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

Un novo estudo, este feito en Cataluña, conclúe que os nenos contaxian a infección menos que os adultos. Só oito de cada cen pacientes pediátricos con covid-19 transmitiron a infección, segundo esta última investigación. Dende o Goberno galego chaman á prudencia e á responsabilidade tamén fóra das aulas.
"O foco principal de contaxio son as reunións familiares e as reunións sociais. Eu quero facer un chamamento á prudencia, á responsabilidade e ao respecto. Existen unhas normas establecidas polas autoridades sanitarias que teñen uns fundamentos científicos que debemos cumprir e debemos cumprir cada un na nosa medida", afirma Román Rodríguez.
En Galicia hai dúas escolas infatís pechadas pola covid-19, unha en Santiago e outra en Cambre.

Noticias web

28/11/2020