Os clubs recreativos prepáranse para a reapertura
O club revive con pulso lento pero firme. A fase un permitiu a apertura das catro pistas de tenis exteriores, con reserva e partidos individuais. O luns volverán os nadadores á piscina cuberta: un por rúa en cada quenda.
Normalmente aquí a temporada das piscinas exteriores comeza o quince de xuño, pero este ano queren telas xa operativas para o día un. O acceso será limitado, en número e en tempo.
Regresa tamén o pádel, con só dous xogadores por pista. Tamén reabre a cafetería. A zona da terraza está preparada para recibir os primeiros clientes despois de case dous meses e medio de peche forzoso. O Spórting Club Casino traballa para que os seus socios volvan coas máximas garantías de seguridade, aínda que esa seguridade tamén vai depender en gran medida da responsabilidade individual.