CRTVG

Buscar

Os cinco principais candidatos á presidencia do Goberno participarán nun único debate televisivo o 4 de novembro

Publicado o 17/10/2019 19:07
Os cinco principais candidatos á presidencia do Goberno participarán nun único debate televisivo o 4 de novembro

Os cinco principais candidatos á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, Pablo Casado, Albert Rivera, Pablo Iglesias e Santiago Abascal, participarán finalmente nun único debate en televisión o próximo 4 de novembro, segundo avanzaron a Europa Press fontes socialistas e confirmou o PP. O debate organizarao a Academia da Televisión no Pavillón de Cristal da Casa de Campo.  O acordo alcanzouse na tarde deste xoves nunha reunión entre representantes dos equipos de campaña de PSOE, PP, Cidadáns, Unidas Podemos e Vox.

A celebración do debate estivo no aire ata o día de hoxe debido principalmente á falta de acordo entre o PSOE e o PP ao redor da data do día 4. Os socialistas non querían mover de día o debate alegando que o martes e o mércores seguintes había fútbol, mentres que os 'populares' apelaban a un "compromiso persoal" o día 4 do líder do PP, Pablo Casado, que lle faría imposible participar no debate. Acusaban ademais ao PSOE de non querer esperar máis aló do día 4 para que non lle coincidise coa publicación das últimas cifras do paro. 

Dende o partido liderado por Sánchez lembran que na historia dos debates celebrados na democracia actual todos tiveron lugar en luns, coa única excepción do segundo debate previo ás xerais pasadas do 28 de abril, que se fixo un martes. O PP aceptou finalmente que o debate sexa o día 4 de novembro ante a "nula disposición do PSOE para celebralo noutra data". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí