CRTVG

Buscar

Os científicos piden medidas máis efectivas para evitar o contaxio por aerosois

Publicado o 28/03/2021 13:38

Esta semana máis de cen científicos reclamaban ao Goberno e aos executivos autonómicos cambiar a estratexia de prevención de contaxios da covid-19. Remitiron unha carta coas medidas que consideran imprescindibles. Piden centrarse no contaxio por aerosois, insisten na eficacia da ventilación e cren que se debería pechar o interior de bares e restaurantes cando a taxa de incidencia nun territorio supera os 150 casos por cen mil habitantes.

Tras un ano de pandemia sabemos que en espazos interiores pechados a taxa de casos de covid-19 dispárase a causa dos aerosois. Os científicos non teñen dúbidas: acadar unha boa ventilación nas zonas pechadas, xunto ao uso das máscaras, é unha medida imprescindible para reducir os contaxios.

Carmen Galán, coordinadora da Rede Española de Aerobioloxía: "Unha ventilación que sexa continua, que sexa cruzada e que se manteña. Con esa ventilación temos máis posibilidades de que non esteamos expostos nun interior".

Máis de cen científicos reclamaban esta semana aos gobernos central e autonómicos que se cambie a estratexia de prevención do coronavirus. O documento foi asinado por recoñecidos virólogos e inmunólogos como Margarita del Val, Juan José Badiola ou o galego Tato Vázquez Lima. Están de acordo co peche do interior de establecementos de restauración cando nun territorio haxa unha alta incidencia de casos.

Carmen Galán, coordinadora da Rede Española de Aerobioloxía: "O limiar que se estableceu a partir dos estudos realizados previamente é de 150 casos por cen mil habitantes, nós temos que facer caso desas recomendacións".

Apostan pola instalación masiva de medidores de CO2 en espazos interiores, coma nos colexios, e insisten na necesidade da divulgación para a toma de conciencia da importancia de ser exhaustivo no cumprimento das normas.

Noticias web

28/03/2021