CRTVG

Buscar

Os ciclistas reclaman máis respecto e educación viaria polos condutores para evitar accidentes

Publicado o 23/02/2020 15:12

Recentemente coñecíase a sentenza dun condutor que foi condenado a catro anos de prisión polo atropelo dun grupo de ciclistas na Guarda en 2016 e que deixou dous falecidos e varios feridos. No que vai de ano dous ciclistas perderon a vida en Galicia. Seguen a ser, cos peóns, a parte máis feble nas estradas e por iso reclaman máis educación vial e información.

Segundo Roberto Rilo, presidente da Asociación de Ciclistas Crunia, "o que fai falla é educación viaria e información por parte dos concellos. Por exemplo, circular por unha cidade, neste caso A Coruña... unha rúa da cidade... Ti se vas en bicicleta podes circular polo centro do carril. É máis, tes que facelo polo centro do carril. Claro, moitos automobilistas non o entenden, cren que vas estorbando. Pero é o único xeito de que vaias seguro, porque así asegúraste que van respectar ese metro e medio de separacion".

O aumento significativo de usuarios da bicicleta nos últimos anos, especialmente nas cidades, intensificou os problemas de convivencia entre condutores e ciclistas. Dende as autoescolas recoñecen tamén falta de información de moitos usuarios.

Para Isidro Vázquez, director de autoescola, existe un pequeno descoñecemento ou falla de aplicar a norma por parte dos ciclistas. Moi poucas veces atopamos a ciclistas sinalizando calquera maniobra ou desprazamento lateral, un momento que vaia frear. Cando saen a circular polas vías interurbanas descoñecen a normativa do uso do casco, de como deben circular correctamente. Moitas veces descoñecen que poden circular en paralelo, pero que tamén hai certas restricións".

Os ciclistas quéixanse de que non poden circular polas beiravías porque están impracticables ou que os condutores non respetan o metro e medio obrigatorio de separación. Os automobilistas sinalan que os ciclistas circulan polas beirarrúas e de non respectar a sinalización. Coa progresiva restrición dos coches as cidades, o futuro pasa polo entendemento entre os dous.

Noticias web

23/02/2020