CRTVG

Buscar

Os ciclistas escapan dun carril bici de Oleiros polos obstáculos que atopan no trazado

Publicado o 12/02/2020 14:32

Os únicos ciclistas que logramos ver esta mañá polo treito do carril bici que vai de Arillo a Canide, un dos extremos da praia de Mera, no concello de Oleiros, van esquivando postes. E son poucos, como conta un veciño, non por unha casualidade senón porque asegura que os ciclistas apenas o usan desde que se rematou hai dous anos.

A maior parte deles prefire, polo visto, seguir pedaleando pola estrada, malia o perigo dos coches ante os obstáculos como cables, postes da luz, casas, etc. que aínda permanecen no medio do trazado e fan imposible o deporte ou un paseo tranquilo.

Este treito foi dos primeiros en executarse do proxecto de senda peonil e ciclista da deputación e o Concello que intenta crear un paseo paralelo á costa de Oleiros, desde Perillo a Mera. Para iso, ata lles pediron aos veciños a cesión gratuíta de terreos de maneira que puideran facer carril bici e as beirarrúas que demandaban os residentes nunha estrada de titularidade autonómica.

Aínda queda pendente o último treito desta senda compartida en Oleiros, en boa harmonía, entre peóns e ciclistas.

Noticias web

12/02/2020