Os ciberdelitos aumentaron un 35% en 2020 con respecto ao ano anterior
Os ciberdelitos aumentaron un 35% en 2020 con respecto ao ano anterior, e supoñen o 10% dos delitos totais rexistrados en España. O Centro Superior de Investigacións Científicas publica un libro-guía para orientar o usuario de Internet ante posibles estafas e roubos e darlle as claves para evitalos.
Os enganos a través da Rede poden chegar en forma de mensaxe, correo ou ofertas suculentas. Tres investigadores do Instituto das Tecnoloxías do CSIC recollen nun libro, titulado 'Ciberseguridade', os roubos e as estafas máis frecuentes e din que non son moi diferentes dos que se poden producir de forma física.
Davir Arroyo, doutor en Telecomunicación e coautor de 'Cibreseguridade': "O hipercoñecido calote da estampiña a día de hoxe é todo este fenómeno do fishing, do engano, de tratar de facer ver ao usuario que pode dispoñer de algo superatractivo que no fondo non existe, e que lle faga poñer a disposición dun terceiro, que é o atracante, datos persoais como o correo electrónico ou a conta bancaria".
Os expertos do CSIC lembran que hai que desconfiar de enlaces ou correos de orixe descoñecida, e tamén dos que nos piden datos ou contrasinais. Outra recomendación é usar programas seguros para evitar que os ciberdelincuentes accedan a ordenadores e dispositivos de particulares ou empresas.
"Calquera tipo de correo que nos veña da nosa entidade bancaria, o noso operador de correos ou un servizo que teña que ter as nosas credenciais, se nos piden os nosos datos e o noso contrasinal, automaticamente borrar ese correo", afirma David Arroyo, "instalar calquera cousa sen ter o suficiente coidado é como poñer unha cerradura na porta da nosa casa de baixa calidade. Non queremos deixar a nosa casa aberta nin a porta do noso coche aberta, por ende, debemos ser conscientes de que instalar softwares de baixa calidade nos nosos dispositivos, que non verificamos, involucra deixar abertas as portas do ciberespazo".
Lembran tamén que os internautas deben usar contrasinais difíciles, que mesturen cifras, maiúsculas e minúsculas de xeito aleatorio.