CRTVG

Buscar

Os centros educativos deben garantir a protección dos datos dos alumnos durante as clases virtuais

Publicado o 25/05/2020 21:07

Desde hai pouco máis de dous meses as comunicacións entre alumnos e os profesores son en remoto. As aulas virtuais permiten acceder á intimidade do fogar do estudante e aos seus datos. Os centros deben garantir a seguridade.

"A chave é a proporcionalidade. Un principio de proporcionalidade, unha garantía dos dereitos de privacidade dos afectados e o cumprimento das obrigas por parte do responsable do ficheiro que o regulamento europeo lle encomenda", asegura a avogada de Legalitas Ainhoa García.

Acónsellase publicar as notas preferentemente nunha Intranet ou aula virtual. Pero, que sucede se o alumno se opón a ser gravado? "O alumno que se opoña entendo que poderá ser cualificado como non avaliado ou non presentado. Tamén é verdade que, se esa oposición é excepcional e está fundamentada, o centro poderá tomar medidas adicionais", comenta a avogada.

En caso de detectarse unha fenda de seguridade, a comunicación debe ser inmediata.

"O responsable do ficheiro debe comunicar á autoridade de control, nun prazo máximo de 72 horas, que se produciu unha fenda de seguridade. Se a mesma supón un alto risco dos dereitos e as liberdades dos afectados, deberá comunicárllelo", di Ainhoa García.

O centro pode ser multado se non toma medidas para evitar ou minimizar as fendas de seguridade. Se os alumnos consideran que os seus dereitos son vulnerados, poderían solicitar amparo á Axencia Española de Protección de Datos.

Noticias web

25/05/2020