CRTVG

Buscar

Os centros educativos abren para tarefas de desinfección e administración

Publicado o 18/05/2020 07:54
Os centros educativos abren para tarefas de desinfección e administración

Desde este luns está permitida xa en toda España a apertura dos centros educativos e universitarios para a súa desinfección, acondicionamento e realización de funcións administrativas.

Así se establece dentro da fase 1 e a denominada 0,5 da desescalada e, por tanto, todos os colexios, institutos e universidades de todas as comunidades que xa están nesas etapas poderán facer a limpeza dos recintos e comezar a organizar os temas administrativos. Aínda que non será ata a fase 2, a partir do 25 de maio, cando de forma voluntaria poidan acudir á clase os alumnos de cuarto da ESO, segundo de Bacharelato para ultimar a ABAU e segundo de Formación Profesional.

Estaba previsto que abrisen tamén daquela os centros de Educación Especial e de Infantil ata seis anos para proxenitores que teñen que realizar un traballo presencial sen posibilidade de  flexibilización, pero a maioría das comunidades autónomas anunciaron que non o van a facer por razóns de seguridade.

Desde este luns, para as tarefas de limpeza e administración, os directores dos centros serán os encargados de determinar o persoal docente e auxiliar necesario, segundo afirma a orde para a  flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional ante o estado de alarma polo coronavirus.

Limitarase ao máximo posible o emprego de documentos en papel e a súa circulación.
Terá que haber unha ventilación periódica das instalacións. Os traballadores dispoñerán do material de protección necesario e ínstase a manter as distancias de seguridade interpersoal, aproximadamente dous metros.

Todos os traballadores dispoñerán de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes autorizados para a limpeza de mans, ou, cando isto non sexa posible, auga e xabón. As medidas de distancia deberán cumprirse tamén nos vestiarios, despachos de billetes e aseos dos traballadores.

Na limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e a pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, perchas, e outros similares. Deberá haber papeleiras, preferiblemente con tapa e pedal.

Por outra banda, os lugares de atención ao público dentro dos centros educativos terán que contar con medidas de separación entre os traballadores e os usuarios.

Para a fase 2, Sanidade e Educación xa elaboraron unha guía de Medidas de prevención e hixiene fronte á COVID-19 para a reapertura parcial de centros educativos no curso 2019-20. Nela indícase, entre outros aspectos, que non poden acudir nenos con síntomas, diagnosticados ou en período de corentena. As familias tomaranlles a temperatura todos os días antes de saír da casa.

Os pais só poderán entrar no edificio escolar en caso de necesidade ou indicación do profesorado ou do equipo directivo. Cando un estudante amose síntomas, levarase a un espazo separado con ventilación adecuada, facilitarase unha máscara cirúrxica e outra para a persoa adulta que o coide. Avisarase á familia. Ante unha situación de gravidade ou dificultade para respirar avisarase ao 112.

Colocarase dispensador de xel desinfectante nas clases que non teñan lavabo para as mans. A distancia mínima interpersoal será de dous metros e priorizaranse na medida do posible os espazos ao aire libre.

É preferible optar por un transporte activo (andando ou en bicicleta) e fomentaranse rutas seguras á escola. Organizaranse as saídas e entradas das aulas con distancia interpersoal de dous metros e de maneira graduada.

Para o caso de apertura de comedores escolares, a disposición das mesas e cadeiras debería posibilitar o cumprimento da distancia de seguridade.