CRTVG

Buscar

Os centros de saúde priorizarán a atención telefónica sobre a presencial

Publicado o 11/05/2020 17:31

Será progresiva -en varias fases ata finais de xuño- e flexible -irase adaptando en función da evolución da pandemia e das condicións específicas de cada centro-. De momento, nesta primeira fase de volta á normalidade que comeza hoxe, vaise seguir primando a atención telefónica, pero xa darán citas presenciais de xeito gradual e controlado, priorizando os pacientes máis fráxiles e vulnerables.

A volta á normalidade nos centros de saúde, coma en todo o demais, tamén será progresiva. A primeira etapa empeza hoxe, ata o 18 de maio.

Raimundo Gulín, xefe de servizo do centro de saúde Valle-Inclán de Ourense: "Se todo é favorable, iremos tendo cada vez máis actividade e recuperando carteira de servizos".

De momento, para controlar a afluencia nos centros de saúde, seguiranse priorizando a atención telefónica e asistencia domiciliaria, pero xa haberá consultas presenciais

 Raimundo Gulín, xefe de servizo do centro de saúde Valle-Inclán de Ourense: "Se necesitamos velos, citámolos de maneira presencial, pero de xeito progresivo".

Os pacientes con sintomatoloxía respiratoria, seguirán un circuíto diferente, para evitar contactos de risco.

Raimundo Gulín, xefe de servizo do centro de saúde Valle-Inclán de Ourense: "O administrativo acompáñao a unha das consultas de illamento, con máscara e xel de mans, e alí espera o médico que veña a valorar".

O plan tamén promove a realización de tests ante calquera sospeita do médico de familia.

Raimundo Gulín, xefe de servizo do centro de saúde Valle-Inclán de Ourense: "Imos ter máis axilidade para diagnosticar casos de sospeita, illalos, estudar contactos..."

Tamén desde hoxe aumenta a actividade cirúrxica no Hospital Universitario de Santiago. Haberá máis quendas de quirófano en cinco servizos e incorpóranse outros dous de cirurxía maior ambulatoria.

 

Noticias web

11/05/2020