CRTVG

Buscar

Os cemiterios galegos prepáranse para o Día dos Defuntos

Publicado o 31/10/2019 20:32

Din en Iria Flavia que o cemiterio hoxe aínda non está bonito. Que queda moito por adornar. E que é mañá cando este camposanto vai parecer un auténtico xardín.

E será así en toda Galicia. O culto ancestral aos defuntos converte estes días os nosos cemiterios no centro da vida social das vilas e aldeas. E tamén nun lugar para as lembranzas.

"Se non veño aquí non marcho tranquila. Veño, poño as flores e xa vou con esa tranquilidade de vir visitalos".
"Vanme moitos alá. Meus pais, miña avoa que me axudou a criar, dous irmáns, un xenro, un fillo, un marido, xa poucos máis poden ir". "É un día especial. É o día deles. Cando pasan os anos recoñeces o que fixeron por nós". "É unha tradición que hai que conservar, os santos tamén teñen o seu día".

Todos botamos alguén en falta. E ata os ramos máis humildes veñen cargados de cariño para os que non están. Os centros son cada vez máis profesionais. Pero hai quen prefire traer as flores da súa casa e preparar aquí os floreiros, como se facía antigamente. "Teñoas eu na horta, coideinas eu. Non están moi bonitas porque chove. Póñolle uns ramiños como sei".

Hoxe é un día cargado de preguntas sen resposta. Quizais esta beleza poida servirnos de consolo.

Noticias web

31/10/2019