CRTVG

Buscar

Os catorce detidos por narcotráfico no Salnés movían droga por toda a península

Publicado o 15/08/2019 10:03

• Prisión provisional, comunicada e sen fianza para cinco dos seis detidos que pasaron a disposición xudicial en Vilagarcía. Un queda en liberdade, coa obriga de ter que comparecer

• 11 dos arrestos producíronse no Salnés, 2 en Valencia e 1 en Portugal

 

Xa son 14 os detidos na operación Malsalva contra o tráfico de drogas. Os arrestados comezaron a pasar a disposición xudicial nas últimas horas nos xulgados de Cambados e Vilagarcía, que finalmente decretaron prisión provisional, comunicada e sen fianza para cinco dos detidos, deixando un en liberdade, pero coa obriga de ter que comparecer e coa prohibición de sair do territorio nacional.

O número de arrestados ascende xa a 14 en toda a península e, aínda que a operación se dá por concluída, a Garda Civil non descarta que a información incautada e as propias declaracións dos detidos leven a novos arrestos. A maior parte das declaracións producíronse nos xulgados de Vilagarcía, que actúan como xulgado de garda. Tamén no xulgado de Cambados pero o operativo diríxese dende o outro estremo da península. É un xulgado de Valencia o que puxo en marcha esta operación Mansalva. A maioría dos arrestados, 11, son da comarca do Salnés. Tamén hai 2 detidos en Portugal e 1 en Valencia. Os axentes incautáronlles media tonelada de cocaína pero saben que a organización preparaba un gran transporte dende Sudamérica. Un traslado que a Garda Civil acaba de frustar con estes arrestos.

Este mércores comezaron a declarar no xulgado número 1 de Vilagarcía parte dos 14 detidos na operación Mansalva. 11 dos arrestos producíronse na comarca do Salnés, 2 en Valencia e 1 en Portugal.Entre os que comparecen ante a xustiza está o vilanovés Manuel Osorio, suposto cabecilla da rede.Trátase dun coñecido das forzas de seguridade dende a operación Campión, no ano 2011.

Os investigadores acúsanos a todos de formar unha organización criminal destinada ao tráfico de drogas. Segundo esas fontes, a rede traía cocaína de Sudamérica. Os barcos que a transportaban atracaban en Portugal. E dende alí, a droga traíase a Galicia en dobres fondos de coches e remolques. Dende a nosa comunidade a droga viaxaba aínda ata Valencia. Alí estaba o mercado final. 

A Garda Civil fixo nas últimas horas 9 rexistros na comarca do Salnés. Neles incautáronse  de 10.000 euros, 4 vehículos con dobre fondo e varios remoques. Nestes rexistros atoparon ademais unha plantación interior de marihuana cunhas mil prantas.

A operación, dirixida por un xulgado de Quart de Poblet, en Valencia, comezou en 2018, cando os axentes se incautaron de 300 kgs de cocaína. Máis tarde, incautaron outros 200kgs en Portugal.

Pero o golpe definitivo á organización dérono agora os equipos da UCO da Garda Civil e dos grupos ECO en Galicia. Xusto cando a organización planeaba un transporte de droga a grande escala.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/08/2019