CRTVG

Buscar

Os casos positivos mantéñense estables na Mariña e en Vilar de Barrio

Publicado o 02/08/2020 14:59

A situación na Mariña deixa hoxe unha nota ambigua, mentres que en toda a provincia de Lugo baixan os casos positivos en catro. O número de contaxios na costa luguesa segue en 39, a mesma cifra ca onte. O aspecto negativo é que se rexistraron dous infectados nas 67 probas PCR realizadas este sábado na área sanitaria. Compensouse con dúas altas médicas O gromo está temporalmente controlado. Hai que ter en conta que a mediados de xullo os casos na Mariña superaron os 180.

Unha novidade significativa está en Ourense, xa que se detectou o primeiro contaxio a partir do rexistro de viaxeiros. É o primeiro caso en toda Galicia. Trátase dunha persoa procedente da República Dominicana, que chegou á provincia e deu positivo na proba PCR.

En territorio ourensán, a fin de semana comezaba con preocupación polo gromo de Vilar de Barrio e a súa estensión cara aos concellos de Laza e Xinzo de Limia. Pero os últimos datos son de normalidade total. Deron negativos todos os PCR realizados nas últimas 24 horas nas localidades de Maus, Vilar de Gomareites, Penouzo e o propio Vilar de Barrio. Os casos neste concello seguen estabilizados en nove.

En Vigo detectábase esta fin de semana o sexto gromo, con cinco persoas infectadas nunha celebración familiar. Sucedía no barrio de Coia, e un dos participantes na xuntanza alertou da situación desde Twitter. Na área sanitaria viguesa hai un total de 63 positivos, sete máis ca onte.

Noticias web

02/08/2020