Os casos de coronavirus seguen en aumento na Mariña
No concello de Viveiro está decretada a alerta vermella pola incidencia do coronavirus, con 36 casos activos e as autoridades fan un chamamento para que os veciños extremen as precaucións. No de Cervo xa levan 48 horas en alerta vermella logo de falecer dous usuarios da residencia de maiores e de que se rexistraran 33 casos activos, se ben a maioría deles vencellados á propia residencia onde hai 19 usuarios afectados. Os últimos datos sinalan que no hospital de referencia da Mariña, o de Burela, hai catro persoas ingresadas por COVID-19, ningunha delas na UCI.
Así, non é estraño ver rúas baleiras e negocios pechados e veciños con certo temor. "Eu sempre levo a máscara. Hai que ter coidado", di un veciño. "Falaron dun caso no colexio pero non era certo. Estamos un pouco a cegas", di outro. "Si que está a cousa complicada. Imos a peor", sentencian.
Dende Protección Civil están a colaborar nos labores de desinfección e organización da residencia de maiores de Cervo. Trátase de acondicionar os espazos para evitar que o virus se espalle e afecte máis persoas. Tamén se fan roldas polo concello para auxiliar e informar os veciños das medidas que é preciso tomar para evitar que os contaxios vaian a máis.
"Estamos a axudar coa ventilación e desinfección. E lembramos os veciños que é moi importante que circule o aire en espazos interiores", di Mario Antuña, do GES de Cervo.
No último parte do Sergas informouse da aparición de 112 novos casos na provincia de Lugo nas últimas 24 horas.