Os casos de bronquiolite dispáranse inusualmente neste verán
Despois dun inverno en que estivo practicamente desaparecido, os pediatras dan conta agora da reaparición fóra de época do virus sincitial. Segundo o médicos, é totalmente insólito que este virus, responsable da bronquiolite, circule no verán.
Pero que ninguén se alarme, porque aínda que resulte sorprendente e se descoñeza a que é debido a circulación do virus sincitial no verán, o que si se sabe é que os máis dos nenos vivirán o contaxio coma un catarro normal e que a morte por bronquiolite é moi infrecuente. Para os pediatras é unha dor de cabeza, pois supón a primeira causa de hospitalizacións en España en menores dun ano, e chega a colapsar as urxencias e a Atención Primaria.
Pero é algo que sucede de outubro a marzo e que este ano non pasou ata agora. As medidas contra a Covid están detrás de que o virus non aparecese este inverno, pero é difícil que a relaxación das restricións faga que se presente agora. É moito máis probable que sexa o resultado da competencia entre virus, a COVID ocupou o calendario que lle pertencía ao virus sincitial que agora aproveita para presentarse fóra de época e infectar os lactantes que este inverno non tiveron contacto con el.