CRTVG

Buscar

Galicia suma 28 novos casos activos e volve superar a barreira dos 300

Publicado o 01/08/2020 12:41

Os casos activos volven superar a barreira dos 300 en Galicia, ao incrementarse en 28. Máis dun terzo correspóndense coa área sanitaria da Coruña, onde o brote relacionado cun ximnasio en Arteixo acumulaba o venres 25 contaxios, segundo os datos facilitados pola Consellería de  Sanidade. 

Galicia conta cun total de 308 casos activos este sábado, fronte aos 280 do venres. A área sanitaria da Coruña é a que rexistra unha maior subida, con 20 casos activos máis e o total pasa de 87 a 107. Vigo suma oito e pasa de 48 a 56; en Santiago ascenden a 26, con tres máis; Ourense pasa de 15 a 17 e suma dous máis; Pontevedra rexistra un caso activo máis e acumula 26. 

Na área de Ferrol os casos mantéñense en dous, os mesmos ca o venres. E a área de Lugo rexistra o único descenso, con seis casos activos menos. Segundo estes datos, pasa de 80 a 74.

As hospitalizacións, increméntanse nun caso, ata as 13 e unha persoa continúa na UCI. Hai 294 que permanecen nos seus domicilios. No tocante á cifra de curados, Galicia rexistra un total de 11.289 curados, o que supón 17 máis que no parte anterior. O número de falecidos é de 619, dos que 274 están relacionados con residencias de maiores. A cifra de mortes permanece invariable desde o pasado 10 de xuño.

No tocante aos casos de  COVID en residencias, mantéñense en dous, despois de que o venres transcendese un novo contaxio, ao dar positivo un traballador da residencia de maiores de Paradela, en Lugo. Un caso que se suma ao positivo dunha traballadora dun centro de Xove. Ata o momento realizáronse 251.685 probas PCR en Galicia, o que supón 1.673 máis con respecto aos datos do venres.