O falecemento de 14 persoas eleva a 1.775 a cifra total de vítimas mortais pola covid−19
• Rexístranse 50 novos ingresos, catro deles en UCI
• Descenden os casos activos nas áreas de Ourense, Santiago e Ferrol

O domingo á tarde Sanidade notificou a morte de 14 persoas por mor da covid−19. A cifra total de vítimas mortais ascende a 1.775 dende o inicio da pandemia. Con todo, Sanidade emprazou ao luns para informar sobre os detalles dos últimos falecementos vencellados ao coronavirus.
Os casos activos sitúanse en 22.608 en Galicia. Isto supón 97 máis ca na xornada anterior. Tamén se rexistraron nas últimas horas 1.331 novos contaxios, 1.185 confirmados por PCR.
Continúa aumentando a presión nos hospitais galegos; nestes momentos hai 1.362 persoas ingresadas: 1.130 en planta (+46) e 232 (+4) en UCI.
A área da Coruña é a que conta con máis positivos confirmados por PCR. Son 293. Séguea a de Vigo, con 261 máis, e a de Pontevedra, que suma outros 148 positivos nas últimas horas. En total notificáronse 12.580 probas PCR, 1.310 menos ca onte.
Por outra banda, segundo indican os últimos datos ofrecidos por Sanidade, déuselles a alta a 1.225 persoas.
A repartición dos casos activos por áreas sanitarias é a seguinte:
• A Coruña: 6.020 (+36)
• Vigo: 3.851 (+5)
• Ourense: 2.949 (-14)
• Lugo: 2.129 (+8)
• Ferrol: 1.779 (-8)
• Pontevedra: 2.455 (+90)
• Santiago: 3.425 (-20)