CRTVG

Buscar

Os carburantes están máis baratos que na operación saída

Publicado o 01/09/2019 14:36

A boa nova para os que regresan en coche das vacacións é a baixada no prezo dos carburantes, máis baratos que na operación saída. Iso si, a diferenza é pequena: arredor de dous céntimos o litro no caso do gasóleo e tres o da gasolina.

Encher o depósito hoxe custa entre 1 euro e un euro e medio menos que o 1 de agosto: "Un pouquiño máis barato si, pero debía estar máis porque isto dispárase. Sempre acordamos nas vacacións de subir os prezos dos combustibles e iso non pode ser", comenta un cliente dunha gasolineira.

Segundo os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o prezo medio do gasóleo A está hoxe en Galicia a 1,22 euros fronte ao 1,24 de principios do mes de agosto. No caso da gasolina 95, a rebaixa é de tres céntimos. A media está actualmente en 1,33 euros o litro, aínda que a cousa varía dunhas estacións a outras: "Aquí segue estando o mesmo prezo, non baixou, sempre está a 1'19". "Non notei nada. Pouco se nota. Aínda que baixe un céntimo, iso non é nada". "Como traballo aquí en Ourense, gasto pouco. Cando teño que ir ás afóras é cando o noto porque consumo máis".

Con respecto a hai un ano, a diferenza é máis notable. Tanto diésel coma gasolina custan hoxe 5 céntimos menos ca o 1 de setembro de 2018. Así e todo, para a maioría, os prezos seguen a ser excesivos: "Caro, caro. Máis caro ca en moitos sitios". "Home, está bastante alto. Para o nivel de vida que temos, está bastante caro".

No conxunto de España, o prezo medio do diésel baixa dos dous euros, 1,19. O da gasolina sitúase en 1,30.

Noticias web

01/09/2019