Os cans guía vólvense incluso máis esenciais durante a crise
Eva e a súa cadela Wiki comparten o día a día dende hai máis de catro anos. Nunca se achega a outros cans nin aos seus propietarios. O seu arnés identifícaa como can guía.
Garfio chegou á casa de Antonio con apenas dous anos. Os seus días van en paralelo, sempre xuntos, na aldea na que viven no concello de Esgos, e en cada visita que fan a Ourense.
A chegada da pandemia e do estado de alarma modificou algunhas das súas rutinas. Tamén para eles se fai algo complicado o día a día. A Fundación ONCE pídelle á sociedade que estes días axude ás persoas cegas e aos seus cans a gardar a distancia de seguridade en lugares como farmacias, hospitais ou supermercados, para evitar posibles contaxios.
O adestramento destes animais convérteos no mellor instrumento de mobilidade para as persoas con discapacidade visual. Wiki e Garfio son dous exemplos dos corenta e un cans guía que hai a día de hoxe en Galicia.