CRTVG

Buscar

Os candidatos modifican as axendas por mor dos debates televisivos desta semana

Publicado o 20/04/2019 14:58

Tres son os candidatos que repiten nos debates a catro en relación coa campaña das xerais de 2016: Sánchez, Rivera e Iglesias. Os tres van pecharse esta fin de semana nos seus cuarteis electorais para preparar a fondo unha pugna dialéctica que reabre a carreira das urnas. A nova incorporación, Pablo Casado, mantén a axenda prevista para o domingo e fontes próximas ao PP sinalan que tentarán convencelo de que poña o freo na tarde de mañá.

Xa se determinou que o primeiro dos debates, o do luns, vaino abrir Albert Rivera e será pechado por Pedro Sánchez. Os candidatos van falar de pé detrás dun atril e centraranse en bloques temáticos determinados pola política económica, social e territorial, e tamén pola rexeneración e os pactos postelectorais. A cuestión territorial e os pactos para conformar goberno prefigúranse como referentes da polémica entre os candidatos.

Desde o equipo de Sánchez xa anticiparon que este optará por un perfil calmado, que evite o conflito, e cunha vertente institucional. Dáse por feito que o Partido Popular e Ciudadanos farán fincapé nas cesións aos independentistas e tamén nos posibles indultos aos encarcerados polo procés. Mentres, desde Unidas Podemos remarcarán que son a garantía dun verdadeiro goberno de esquerdas. O desenlace a todo isto, entre o luns e o martes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/04/2019