CRTVG

Buscar

Os candidatos galegos descansan en familia no día de reflexión

Publicado o 25/05/2019 20:32

Tras unha intensa campaña electoral, hoxe toca xornada de reflexión. Políticos e candidatos galegos pasarán este día rodeados de familia e amigos. Mañá en Galicia elíxense os representantes municipais dos 313 concellos. Están chamados a votar preto de 2 millóns 250 mil persoas.

O candidato do PP ao concello de Ourense, Xesús Vázquez, decidiu esta mañá pasear pola cidade e achegarse a facer algunha compra ata a praza de abastos, despois pasará o día coa súa nai, que está de aniversario.

Mentres o candidato popular de Lugo, Ramón Carballo, aproveitou para seguir de preto o desenvolvemento desta carreira coa que se pretende recadar fondos para a loita contra o cancro. Jose Manuel Rey Varela, o candidato do PP ao concello de Ferrol, acudiu acompañado da súa familia ao barrio de Catabois, onde se festexan os maios.

O secretario xeral dos socialistas galegos deu un paseo esta mañá polas rúas de Santiago acompañado por varios membros da dirección galega do partido. Mentres o candidato socialista á alcaldía de Santiago, Sánchez Bugallo, aproveitou para facer exercicio polo parque Eugenio Granell. Abel Caballero paseou en Vigo pola zona franca de Bouzas.

Tino Fernández en Pontevedra tamén dixo que este día é para estar descansando e en familia. En Santiago os nacionalistas compartiron vermú con militantes e simpatizantes. Pola súa parte, o candidato de Ciudadanos de Vigo pasará o día gozando do mar.

Noticias web

25/05/2019