CRTVG

Buscar

Os candidatos ás alcaldías das grandes cidades galegas votaron esta mañá

Publicado o 26/05/2019 18:28

En Vigo, Abel Caballero, aspirante polo PSdeG-PSOE a revalidar, votou nunha das mesas electorais do concello vigués. Bromeou coa cantidade de cámaras que cubrían a votación. Elena Muñoz, candidata dos populares galegos, destacou a importancia dos votos no futuro dos vigueses. Rubén Pérez, da Marea de Vigo, depositou o voto en Beade.

En Pontevedra, o actual alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, votou na Casa da Cultura, cedo e sen compañía. Rafael Domínguez, do Partido Popular, acudiu contra as once e media acompañado da muller e do fillo. Tino Fernández, do PSdeG, votaba unha hora antes. Á mesma en que votaba o aspirante da Marea, Luís Rei. O último en facelo, Gregorio Revenga, de Ciudadanos.

Na Coruña, Beatriz Mato, a número un do Partido Popular na cidade, asegurou que hoxe é o día dos coruñeses para falar e agradeceu a paciencia dos electores. O actual rexedor, da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, acudiu a votar só. Inés Rey, do PSdeG, expresou o desexo dun escrutinio rápido. E Francisco Jorquera, do BNG, votou no Castrillón.

En Santiago, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, votou no colexio Lasalle. Desexou normalidade e alta participación. O candidato do PP Agustín Hernández, foi dos máis madrugadores. Animaba á xente a que decida sobre a súa cidade. O aspirante do PSdeG, Xosé Sánchez Bugallo, tamén acudiu cedo, e dicía desexar que a participación na cidade supere o 65 por cento. Goretti Sanmartín, do BNG, afirmou que Santiago decide hoxe as súas políticas dos próximos anos.

En Ferrol, José Manuel Rey Varela, o candidato do Partido Popular de Galicia, votou ás dez. Tivo a axuda do seu fillo para introducir a papeleta. O rexedor, Jorge Suárez, de Ferrol en Común, dixo sentirse emocionado ao verse arroupado polos seus. Ángel Mato, do PSdeG, votou en Canido. No mesmo barrio votou Iván Rivas, do BNG. Alejandro Langtry, de Ciudadanos, fíxoo nunha mesa da praza de Armas.

En Lugo, Ramón Carballo, do Partido Popular de Galicia, votou contra as once e destacou a normalidade da xornada electoral. A alcaldesa, Lara Méndez, do PSdeG, dixo que quería culminar o seu proxecto. Xosé Chorén, de Lugonovo, estivo acompañado de Luís Villares. Rubén Arroxo, do BNG, utilizou a cabina de votación. Olga Louzao, de Ciudadanos, estivo arroupada por Marta Rivera de la Cruz, e Carlos Portomeñe, de Alternativa Cidadá de Esquerda, foi acompañado do seu fillo.

En Ourense, Jesús Vázquez, o actual alcalde polo Partido Popular, animou a xente a que acuda a votar e desexou que a xornada transcorra con normalidade. Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, lembrou que os resultados son decisivos para o goberno da cidade.
Rafael Rodríguez Villarino, do PSdeG, visitou a mesa. Xa votara por correo e faino no concello de Amoeiro, onde foi alcalde ata hai un mes. Martiño Xosé Vázquez, de Ourense en Común, dixo que é un día de esperanza.













 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/05/2019