CRTVG

Buscar

Os candidatos á presidencia preparan os debates na procura dos indecisos

Publicado o 22/04/2019 22:20

En pouco máis dunha hora comeza o primeiro debate entre Pedro Sánchez, Pablo Casado, Pablo Iglesias e Albert Rivera. Durante cen minutos debaterán sobre economía, política social, modelo territorial, pactos postelectorais e rexeneración. A orde de intervencións decidiuse por sorteo.

Abrirá o debate Rivera. O candidato de Ciudadanos tentará presentarse como alternativa ao bipartidismo. Unidas Podemos buscará distanciarse do PSOE insistindo en que son a única garantía para que un goberno de esquerdas aplique medidas sociais.

Pedro Sánchez, favorito nas enquisas, buscará manter esa tendencia. Carmen Calvo, PSOE: "Vai insistir no que a el lle preocupa, os problemas de desigualdade que esta crise provocou. Por nós non vai haber tensión, nin insultos, nin mentiras".

Casado presentarase como a única alternativa a un goberno de Sánchez cos independentistas. Teodoro García Egea, secretario xeral do Partido Popular: "Ou Pablo Casado ou Pedro Sánchez, o resto son actores secundarios. Pablo Casado vaille dicir á cara a Pedro Sánchez o que toda España pensa del. Esta noite creo que imos ver claramente un cara a cara entre Pedro Sánchez e Pablo Casado en que Pablo Casado vai poñer enriba da mesa as receitas para mellorar España".

O PP recorreu a repartición de quendas. Rexeita que sexa por sorteo e defende que se respecte a representación parlamentaria, pero a xunta electoral desestimou esta petición. O que pase esta noite condicionará o debate de mañá. Os mesmos protagonistas volverán confrontar os seus programas electorais de novo en só 24 horas.
 

Noticias web

22/04/2019