Os camioneiros galegos non saben cando lles farán test para abandonar o Reino Unido
Fernando é de Porto do Son, leva dende o domingo atrapado no porto de Portsmouth. Dirixíase a Murcia e vai cargado de manteiga. De momento, non saben cando nin como lles van facer os test para poder coller o transbordador.
"Seguimos coa mesma incerteza, en Dover parece ser que están mandando o exército para facer test, a nós dixéronnos que tamén iban facérnolos, pero non sabemos nada. Din, din, pero non fan nada".
O último transporte marítimo sae mañá á mañá, se o perden terán esperar ata o sábado.
"Están chegando máis camións, se non nos dan os test hoxe e nos embarcan pasaremos o Nadal aquí", engade Fernando Rivero, camioneiro galego atrapado en Portsmouth.
No propio porto teñen acceso a comida e aseos, en peor situación están os camioneiros atrapados na autoestrada.
"Aquí parado, non dan solucións, non dan comida, non hai hixiene".
O bloqueo do transporte de mercadorías xa se empeza a notar nos supermercados do Reino Unido, onde hai desabastecemento.
"Moi mal, porque tiñamos un compromisos que non imos poder cumprir. O que se leva sobre todo son produtos da horta". O que fala é Julián Muñoz, a súa empresa ten 14 camións bloqueados na fronteira.
O bloqueo non só era no Reino Unido, tamén na fronteira francesa, onde as ringleiras de camións ocupaban ata 60 quilómetros. O paso reabría esta media noite pero desconxestionar o tráfico levará días.