CRTVG

Buscar

Tres españois detidos en relación ao triplo crime de Sevilla

Publicado o 02/10/2017 11:05

Tres detidos en relación ao achado de tres cadáveres nunha vivenda da localidade sevillana de Dos Hermanas. Os corpos apareceron esta madrugada, e a falta de confirmación oficial, poderían ser os dunha muller de 26 anos que desaparecera hai un mes, a súa filla de seis anos e un home, actual parella da muller. A operación segue aberta e non se descartan novas detencións.

Os tres cadáveres apareceron na madrugada do luns nunha vivenda de Dos Hermanas, en Sevilla, logo dunha operación da Policía Nacional que contou co apoio da UME. Comezaran a escavar na vivenda o sábado, logo de deter tres persoas de nacionalidade española. Parece ser que unha delas deu a pista para dar cos corpos.

Os restos apareceron nun pozo cego e están en moi mal estado. Crese que foron cubertos con sosa cáustica para favorecer a súa descomposición. Todo parece indicar que os cadáveres atopados son os de Sandra Capitán, de 26 anos, a súa filla Lucía, de seis, e a parella sentimental da muller, un home de nacionalidade turca de 55 anos con antecedentes por narcotráfico. Aos tres perdéraselles o rastro o 16 de setembro. O caso está baixo segredo de sumario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/10/2017