Galicia rexistra un total de 217 casos activos por coronavirus, 21 máis que o sábado
• Vinte e oito contaxiados no caso Fuenlabrada, 20 deles recluídos na Coruña | O brote do Saviñao xa afecta a quince familiares
Dos 217 casos activos en Galicia este domingo, segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública, a área sanitaria máis numerosa segue sendo a de Lugo, con 85 casos, cinco máis que o sábado, seguida pola da Coruña, onde están rexistrados 59 pacientes, sete máis respecto á xornada anterior.
En Vigo hai tres infectados máis, que sitúan a cifra en 35; 19 en Pontevedra, catro máis que o sábado; 13 en Santiago (+2); en Ourense baixan de oito a seis os positivos, e na de Ferrol continúa sen casos activos por covid-19.
Do total de positivos, 205 están en seguimento domiciliario, once en unidades de hospitalización e só un na UCI.
O número de PCR realizadas ata agora é de 243.152. O número de persoas curadas é de 11.220, e nas últimas horas non se rexistraron falecementos, e con iso queda en 619 finados o dato, que non varía desde o pasado 10 de xuño.
Seguen aparecendo brotes de coronavirus en varias comunidades
Os brotes e contaxios de coronavirus subiron esta semana en España mentres o sistema de rastrexo amosa escasa capacidade para identificar e vixiar os contactos de cada caso diagnosticado. Os responsables da detección, vixilancia e control da covid-19 non dan identificado máis de tres contactos de cada persoa contaxiada, segundo os datos da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica.
O Ministerio de Defensa decidiu implantar un sistema de resposta temperá ante a COVID-19 que permita prever unha posible subida dos casos no ámbito das Forzas Armadas e habilitar rastrexadores que poidan desempeñar o seu labor tamén na administración civil.
Bélxica someterá a corentena os viaxeiros que procedan das provincias de Lleida e Huesca, e o Reino Unido tamén anunciou esta medida para os turistas que volvan de España ao seu territorio.
Cataluña e Aragón son as comunidades máis afectadas polo número de brotes, pero nas últimas semanas Navarra notificou 63 novos contaxios e o País Vasco outros 123. En Andalucía son 34 os brotes detectados, con 589 persoas infectadas, e na Rexión de Murcia seguen crecendo os positivos por coronavirus.
Madrid recoñece "un lixeiro cambio de tendencia" cun aumento dos brotes na última semana.