CRTVG

Buscar

A Fiscalía cre que o incendio en Notre Dame foi accidental

Publicado o 16/04/2019 22:08

• Chama a declarar os 15 operarios que traballaban na reforma

• O Elíseo di que a catedral se salvou "por media hora"

Macron fixa en cinco anos o prazo para a súa reconstrución

 

A investigación está en marcha, pero a Fiscalía de París xa anunciou que non hai ningún indicio que faga pensar que o incendio foi intencionado. Iso si, hai que saber como se orixinou o lume e depurar responsabilidades, e para iso xa chamaron a declarar os 15 traballadores que estaban no templo na tarde de onte. A empresa encargada das obras de restauración asegura que se cumpriron todas as normas de seguridade. O incendio está completamente extinguido, e aínda que aparentemente a estrutura da catedral está en bo estado, o Goberno francés non se atreve a dicir como resistirá.

24 horas despois do incendio, os bombeiros seguen controlando que as lapas non se reactiven, e ducias de técnicos analizan a estrutura da catedral para comprobar a magnitude dos danos.
A Fiscalía de París ten en marcha unha investigación para determinar as causas do incendio. De momento non se atopou ningún indicio de criminalidade, e traballan coa hipótese de que foi un accidente. A empresa encargada da restauración asegura que se cumprían todas as medidas de seguridade. Pero algo fallou, e para determinar que están sendo interrogados os 15 operarios que traballaban no templo cando se iniciou o lume.

As imaxes que chegan do interior do templo dan idea do devastador que foi o incendio. O Goberno francés non se atreve a dicir como resistirá a catedral, porque aseguran que os danos detectados na bóveda son moi graves. O ministro do Interior dixo literalemente que Notre Dame se salvou por media hora, e que ese tempo foi crucial ademais para salvar boa parte das obras de arte que albergaba. 

O ministro de Cultura confirma que as pezas clave do tesouro da catedral están a salvo e que serán trasladadas ao Louvre. Tamén se salvaron as vidreiras máis valiosas. Pero preocupa o estado en que quedou o órgano da catedral e numerosos cadros que sobreviviron ao lume pero que se viron moi prexudicados polo fume.  

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2019