CRTVG

Buscar

Controlado o incendio de Jealsa en Boiro e os veciños evacuados volven ás casas

Publicado o 08/05/2021 22:39

• A Xunta activa o plan de emerxencias para coordinar os equipos mobilizados | Desaloxan 25 vivendas e unhas 60 persoas, que poderán durmir na casa

• A fumareda podía verse en toda a ría da Arousa

 

Pasadas as dúas e media da tarde recibíase o aviso do incendio na fábrica de Jealsa, en Boiro. Os medios do Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña poñíanse en marcha e a Xunta activaba o Plan Territorial de Emerxencias no nivel 1 mentres os traballadores que se atopaban no interior da nave conseguían saír sen danos persoais. Unha parte da fábrica, a de expedición e recepción de peixe, ardía en pouco tempo na súa totalidade, por iso os esforzos de extinción se centraron durante a tarde en impedir que se propagase o lume ao resto.

Cristóbal Valdés, director xeral de Jealsa, insistía en centrarse nas tarefas de extinción para despois valorar os danos. "As persoas que estaban dentro puideron saír. Era unha zona moi determinada e non había problemas. Gustaríame transmitir unha mensaxe de tranquilidade no sentido de que o importante é focalizarnos en solucionar coas administracións e os nosos traballadores e coa xente que está colaborando na extinción do incendio. En canto terminemos volveremos traballar en beneficio dos nosos clientes e traballadores".

Os esforzos dos equipos contraincendios que actuaron por terra, mar e aire centráronse en impedir desde o exterior que o lume chegase a dous dos lugares máis sensibles da fábrica.

"Hai dúas zonas sensibles: unha que non se propague á zona de produción e outra os depósitos de amoniaco, que están nunha parte rodeada polo lume. Hai que intentar illalos para que tampouco ardan porque sería un problema engadido moi importante desde o punto de vista ambiental, se eses depósitos chegan a arder", sinalaba o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Na planta traballan 1.500 persoas, aínda que ao ser fin de semana o número de operarios que estaban dentro era moi reducido. Desde o concello de Boiro quixeron tranquilizar a veciñanza e a todas as familias que viven desta fábrica, mentres colaboran nas tarefas de extinción.