CRTVG

Buscar

Os bombeiros tiveron que sufocar o lume nun barco que se estaba a reparar nuns estaleiros de Vigo

Publicado o 20/10/2019 14:46

Un particular foi o que deu a voz de alarma. Sobre as once da pasada noite un barco que se estaba a reparar nuns estaleiros da avenida Beiramar en Vigo comezaba a arder. Tres horas despois un retén de bombeiros verificaba que non se reproducía o lume.

Emilio Díaz, o bombeiro ao mando do dispositivo, conta que "tiñan un incendio na lavandaría. Fixemos uns tendidos e entramos no interior. Foi un pouco complicado porque son recunchos e había moitísimas calorías".

Ao lugar acudiron efectivos da Policía Local e do seu grupo operativo de apoio, da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Portuaria así como os Bombeiros de Vigo. A rápida intervención destes últimos, que recoñeceron ter mobilizado durante a noite todos os efectivos dos que dispoñían, permitiu controlar rapidamente as lapas. Un curtocircuíto na zona da lavandaría barállase como a orixe do incendio, e precisamente foi ese lugar o máis afectado.

"A lavandaría está totalmente estragada e hai un par de compartimentos que tamén. Cómpre dicir que na lavandaría había dous buratos que daban ao tanque de fuel e que estaban abertos. Xa non avisaran, e menos mal porque os compañeiros estiveron mesmo ao carón deles", comenta Emilio Díaz.

Dende o estaleiro confirmaron que o barco afectado estaba a efectuar reparacións nas instalacións e aínda tardarán en valorar os danos materiais, malia que insistiron en que non foron graves.

Noticias web

20/10/2019