Os bombeiros seguen pendentes da nave calcinada en Betanzos
Trinta e seis horas despois do inicio do incendio que calcinou por completo unha nave industrial do polígono da Piadela en Betanzos, o lume quedou extinguido, se ben os bombeiros aínda tiveron que actuar esta madrugada en varios focos que se reactivaron.
Policía Científica, técnicos municipais e peritos entraron onte á nave para facer unha primeira avaliación, se ben ante a alta temperatura e o risco de derrubamento dalgunha estrutura decidiron adiar ata o venres a inspección para derminar as causas do incendio.
Malia non poder recuperar de momento nada do interior das oficinas, Fernando e os 11 empregados da empresa xa están a traballar para retomar a actividade desde un local que lle facilitaron nunha empresa próxima.
Durante a extinción do incendio, declarado o luns, contra as 11 da noite, os bombeiros sinalaban un almacén de repararacións situado no lateral esquerdo da nave como o punto de inicio do lume que se propagou con gran rapidez polo teito e polo material almacenado. A magnitude fixo necesaria a intervención dos bombeiros de Betanzos, Arteixo e Ordes ante o risco de que as lapas acadaran as naves lindeiras.