CRTVG

Buscar

Os bombeiros recollen nunha casa de Agolada unha cobra de gran tamaño

Publicado o 17/07/2019 14:03

Eran preto das doce da noite de onte cando o 112 recibía unha chamada alertando da presenza dun curioso ocupa nun domicilio da parroquia de Órrea, en Agolada. Unha muller acababa de atopar unha serpe de colar duns sesenta centímetros de lonxitude no salón da súa casa. O susto foi maiúsculo.

Ovidio Reboredo, policía local de Agolada, dixo que a muller levou un bo susto, xa que o ofidio debía medir uns sesenta centímetros.

Os bombeiros das comarcas do Deza, Tabeirós e Montes foron os encargados de capturar este inesperado pero inofensivo inquilino.

Juan José Muñoz, xefe de servizo dos Bombeiros do Consorcio contra os incendios e salvamento das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, asegurou que se trata dunha serpe de colar, unha especie totalmente inofensiva.

Unha vez capturado, o ofidio foi trasladado ao parque de bombeiros de Silleda e esta mesma mañá liberárono nun monte próximo. A pesar da animadversión que xeran as serpes entre parte da poboación, os expertos piden que non se maten, xa que son moi beneficiosas para o equilibrio medioambiental. Nestes casos recomendan chamar ao 112 e agardar a que pasen a retiralo.

Noticias web

17/07/2019