CRTVG

Buscar

Os bombeiros arrefrían a estrutura incendiada no Ceao para que a policía poida investigar

Publicado o 13/04/2021 20:35

Hai pequenos focos que seguen reavivándose

Os bombeiros seguen traballando no incendio declarado este domingo no polígono do Ceao. Vixían que non se reaviven os focos e arrefrían as zonas en que o lume xa está totalmente extinguido.

"Imos seguir con reténs outras 24 horas máis e arrefriando, porque de vez en cando reiníciase nalgún punto concreto ao que aínda non se deu chegado, e niso estamos, imos seguir arrefriando e rotando os reténs cada catro horas", explica Pablo Yanes, cabo dos bombeiros de Lugo

Arrefriar é fundamental para que a Policía Científica poida empezar a investigar as causas do incendio. Queren entrar en primeiro lugar na nave de pinturas Castro Parga porque cren que foi alí onde comezou a arder. Ademais o lume destruíu outras dúas edificacións contiguas: unha empresa de pneumáticos e outra de recambios de automóbiles. As lapas tamén afectaron en menor medida outras tres naves.

"A prioridade é poñer a andar outra vez o negocio. Perdemos unha parte importante do noso negocio, que son os peneumáticos. Por suposto, primeiro temos que facer pedidos, que moitos son importados e tardan máis tempo en chegar, pero imos apurar o máximo posible para recuperar a normalidade", sinala Francisco Dorado, dono de Recambios Fraín

Os empresarios calculan que os danos poden chegar aos 12 millóns de euros.

Noticias web

13/04/2021