CRTVG

Buscar

Os bois da Rúa saíron en películas como 'Ao final do camiño' ou 'Doctor Who'

Publicado o 10/10/2018 20:16

Participaron na rodaxe de películas como 'Ao final do camiño' ou 'Doutor Who' e mesmo en anuncios de moda de Gucci. A pesar da súa fama, viven afastados de todo nun monte de Quiroga. Falámoslles de varias parellas de bois que un gandeiro da Rúa cría e amansa dende hai anos.

Aloumiños, complicidade e horas e máis horas de traballo. Así conseguiu Mario amansar estes bois. Herdou a vocación dos seus pais e avós. Os primeiros bois que amansou, vai para 18 anos, tiñan como destino o País Vasco para o arrastre de pedras. Pronto comezaría a ir a festas e romarías e de aí o salto á gran pantalla. O filme 'Ao final do camiño' abriulle a porta a outras rodaxes como a da serie inglesa 'Doutor Who', 'Marcela e Elisa', programas televisivos e mesmo un anuncio para Gucci.

Unha paixón que contaxiou ao resto da súa familia. Neste intre conta con catro parellas de bois mansos de distintas razas. Estrelas mediáticas que hoxe pacen, alleos á súa sona, nestes montes de Quiroga. Nuns días abandonarán esta tranquilidade polo rebumbio dunha nova rodaxe en Madrid.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2018